Rexeitan en Vimianzo o proxecto eólico nos Penedos de Pasarela e Traba

O Concello presentará alegacións // En Laxe, o alcalde avoga tamén por respectar este espazo natural protexida e pola súa posta en valor
Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
Unha das singulares formacións rochosas da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. Foto: Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo presentará alegacións ao proxecto do futuro parque eólico Monte Chan, situado no emprazamento xeolóxico dos Penedos de Pasarela, declarada Paisaxe Protexida desde hai doce anos.

“Non podemos permitir que un área de tanta riqueza paisaxística e valor natural e social, así como a súa contorna, quede invadida polos muíños de vento. Que sexa Paisaxe Protexida implica unha serie de condicións e teñen que respectarse”, sinalan dende o goberno local, que lembra que “non existe un plan sectorial aprobado, que é o punto urbanístico primordial sobre o que soster un proxecto así”.

Indican que o propio documento do inicio do proceso de avaliación do impacto ambiental recolle que “mención aparte merecen Os Penedos de Pasarela”, contorna na que se emprazan os aeroxeneradores máis ao sur da infraestrutura eólica. Trátase dun dos monumentos graníticos máis importantes de Galicia, xunto con Pena Corneira e o Monte Pindo, destacando da zona a gran variedade de formas e micro formas de tipo antropomórfico, pero tamén zoomórfico.

“Temos que evitar a toda costa os danos que ocasionarán estas instalacións; xa non só a propia colocación destes elementos, senón todo o que conleva, xa que se tería que adecuar o terreo para facer isto posible, algo que consideramos inviable”, engaden.

Din que van a loitar “onde faga falta” para que non se leve a cabo o parque eólico, “pero despois de facer varias consultas para coñecer de primeira man” o proxecto. Neste momento, recalcan, “non hai nada autorizado. A Xunta deunos traslado deste expediente para proceder as alegacións correspondentes, e así o faremos”.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lamenta que “se estea a enganar á veciñanza por parte dun grupo da oposición”, e lembra que “cando eles gobernaron non se opuxeron a ningún parque eólico. Deberían ser coñecedores que isto é un trámite previo e non se pode falar dun procedemento como este en presente, xa que aínda está en fase embrionaria”.

O seu homólogo en Laxe, José Luis Pérez, tamén recalca que é un proposta e entende que será difícil que se leve a cabo, ao tempo que avoga por conservar e valorizar os Penedos de Pasarela e Traba, e espera que o proxecto eólico sexa reubicado.