Rúas convertidas en ríos no centro de Vimianzo

As intensas choivas provocaron desbordamentos e inundacións en varios puntos da Costa da Morte
Temporal
Jose Manuel Ramos
Desbordamento do río en Torelo - Vimianzo. Foto: J. M.

Varias rúas do centro de Vimianzo quedaron convertidas en ríos debido as intensas choivas que caeron este sábado na Costa da Morte. A máis afectada foi a rúa Álvaro Cunqueiro, que estivo cortada ao tráfico case todo o día. A riada afectou tamén ao patio do CEIP San Vicenzo e ás inmediacións do cuartel da Garda Civil e centro de saúde, entre outros puntos da capital de Soneira. Ademais, o vento desprendeu as tellas dun edificio, e tivo que ser cortada a rúa Castelao ata a media tarde.

Ademais, en Torelo, o río Grande desbordouse, unha vez máis, e anegou fincas, cortou estradas secundarias e anegou os baixos dalgunhas vivendas próximas. O temporal tamén obrigou a cortar ao tráfico na estrada que une Baíñas (Vimianzo) con Olveira (Dumbría).

En Cee tiveron que ser pechadas á circulación as vías de Canosa a Lires, a de acceso á capital ceense pola fábrica de Xeal, e as estradas de Toba, á altura do merendeiro, e a de Lires no acceso ao cemiterio. Tamén se formaron bolsas de auga no polígono industrial e na estrada de Cee a Muros, na saída da vila da Xunqueira.

Pola súa banda, en Ponteceso, tiveron que cortar o tráfico na estrada de Malpica, á altura do campo de fútbol, e na vía de Buño ao seus paso por Carfin. E en Carballo, os equipos de emerxencias estiveron traballando arreo todo o día para retirar sinais tirados, planchas de tellados desprendidas, desprendementos de terra, árbores caídas e unha marquesina destrozada. Ríos e regatos anegaron tamén estradas como as provinciais DP1911 e DP1912, que foron cortadas ao tráfico. Ademais, o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da AXEGA desprazouse este mediodía ata Ponteceso cunha bomba de achique de gran caudal e un semiremolque con 16 bombas para aliviar a auga acumulada en numerosas vivendas e outros inmobles anegados a causa do desbordamento do río Anllóns.

Ao longo da xornada rexistráronse tamén numerosas caídas de árbores sobre estradas. Unha caeu caeu sobre unha liña de alta tensión no municipio vimiancés.