Sempre Corcubión denuncia a demora das obras na rúa Pepe Miñones

Demandan do goberno local que as axilice porque “os negocios e os veciños están a sufrir as consecuencias”
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Obras na rúa Pepe Miñones, de Corcubión. Foto: Sempre Corcubión

O grupo municipal de Sempre Corcubión lamenta que o goberno local “non preste atención á demora da obra na rúa Pepe Miñones”. O seu portavoz, Alfredo González, asegura que “dende hai quince días non se move unha pedra, a actividade está freada, sen coñecer o motivo real; só se escoitan comentarios e supostos veciñais preocupados polo retraso nesta época estival”.

Sinala ademais que negocios e veciños están a sufrir as consecuencias “da falta de prognóstico ante calquera percance que impida a continuación da obra, pois cando menos, poderían habilitar un paso transitorio, evitando deste xeito o atranco na vida cotiá, e ao mesmo tempo, risco de accidentes polo paso inadecuado de transeúntes cun mínimo de seguranza, namentres non se recupere a actividade construtiva”.

Pídelle ao goberno local “un mínimo interese en resolver os problemas dos veciños e veciñas e que se axilicen as obras”.