Sempre Corcubión pide solucións aos desbordamentos na avenida da Mariña

Política municipal
Jose Manuel Ramos
Auga acumulada na avenida da Mariña, de Corcubión, debido ao desbordamento das canalizacións. Foto: S. C.

O grupo municipal de Sempre Corcubión denuncia que na avenida da Mariña, “diante dos negocios e ao lado da beirarrúa onde se atopa a única oficina bancaria que temos no pobo, cando chove con forza desbordan as canalizacións”. Unha situación que, segundo o seu portavoz, Alfredo González, “provoca embalsamento de auga , así como a imposibilidade de transitar por esta zona de alto tránsito peonil, xa que tamén se inunda a estrada e a beirarrúa”.

Ademais, engade, ao lado do sumidoiro existe unha tapa de desbordamento que levántase coa presión e a forza da auga, “e existe incluso un tapón no interior da arqueta colocado pola empresa de mantemento con motivo dos malos cheiros, e fede cando sopla na zona o vento do norte”.

Unha situación, asegura, da que os veciños e veciñas son coñecedores, xa que leva ocorrendo dende hai moito tempo, “e na que non se está a facer nada por intentar poñerlle solución. A falta de mantemento e solucións é unha constante do goberno de Corcubión”, afirma. Pide que se intente dar unha solución definitiva, pois “non se pode mirar para outro lado como están a facer as autoridades competentes”.