Sinalización integral das parroquias de Vimianzo

Mobilidade
Jose Manuel Ramos
Nova sinal identificativa do núcleo de Grixoa, na parroquia de Berdoias. Foto: Concello Vimianzo

terra de soneira O Concello de Vimianzo, co fin de dar a coñecer todos os recunchos, acometerá unha renovación integral dos sinais do termo municipal coa instalación de máis de 200 indicadores ao longo das 14 parroquias, comezando as tarefas en Berdoias e extendéndose ao resto de núcleos.

Aseguran que son uns traballos moi demandados pola veciñanza, e serán executados polo persoal municipal nas vindeiras semanas. Serán de dous tipos, tanto de seguridade viaria como indicativas e informativas, para que tanto veciñanza como visitantes poidan achegarse sen ningún problema aos recunchos máis emblemáticos. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, recalca a necesidade “de dotar a Vimianzo doutra imaxe e de dar facilidades á nosa xente e á que nos visita. É incomprensible que moitos dos espazos singulares non conten coa debida sinalización, polo que quedarán identificados todos e cada un dos puntos do noso municipio”. M. RAMOS