Campaña. Doará os ingresos da venda de agasallos e adornos de Nadal ao Hogar San Camilo de Vagues // Acolle a máis de sesenta usuarios con discapacidade // Está dirixido por Antonio Amado, que é natural de Ponteceso TEXTO José M. Ramos

Solidariedade de Íntegro coas persoas dun centro arxentino

Solidariedade
Jose Manuel Ramos
AGASALLOS. Árbores e adornos para o Nadal elaborados polos membros de Íntegro a partir de materiais reciclados para recadar fondos. Foto: Asociación Íntegro

O Nadal está á volta da esquina e na Asociación Íntegro queren que estas datas sexan máis especiais e solidarias ca nunca. Por iso, todos os que forman este gran colectivo que leva máis de 25 anos traballando a prol das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, propuxéronse aportar o seu gran de area a unha nobre causa, da que foron coñecedores hai uns días.

Trátase dunha iniciativa coa que pretenden recadar fondos para o Hogar San Camilo de Vagues, en San Antonio de Areco (Argentina), onde residen máis de sesenta persoas con discapacidade, e cuxo centro está dirixido por Juan Antonio Amado Castiñeira, natural da parroquia pontecesana de Cospindo e moi vinculado coa zona.

Dada a difícil situación económica que está atravesando esta entidade con máis de corenta anos de historia, “queremos apelar á colaboración cidadá e sumarnos á cadea de solidariedade posta en marcha desde Ponteceso, por Cáritas e o párroco José Manuel Varela, para contribuír así ao rescate dunha institución que está atravesando unha situación delicada e podería chegar a desaparecer deixando desamparados aos seus usuarios”, afirman desde a asociación que preside Adolfo López Baña.

Para elo, Íntegro destinará a totalidade da recadación obtida da venda de agasallos e adornos durante a campaña de Nadal ao referido fogar arxentino. Por iso, queren subliñar que nesta ocasión, estas datas van ser máis especiais ca nunca porque agora, “quenes merquen un agasallo para os seus seres queridos ou algún dos novos adornos de Nadal, elaborados a man polos nosos usuarios e usuarias, estarán axudando a facer realidade o soño de moitas persoas”. Na súa nova colección, ademais dos adornos, hai pulseiras, chaveiros, chapas, xabóns de glicerina 100% vexetal, candeas ou cestas, entre outros produtos.

Ademais, aseguran que “todo o que poidas imaxinar, nós facémolo realidade, coidando desde o envoltorio ata o interior”.

Hai que destacar tamén que todos os produtos de Íntegro están feitos con materiais reciclados como mostra do compromiso do colectivo co medio ambiente. E ademais, ofértanse a uns prezos moi accesibles para todos os petos. Así, a súa nova colección de produtos decorativos ofrece pezas desde 1 ata 8 euros.

Os interesados en colaborar e sumarse a esta causa solidaria só teñen que chamar canto antes ao número 981 734 985 para facer as súas encargas. Dende Íntegro convidan e animan a todos e todas a mercar os agasallos “máis fermosos, orixinais e solidarios” porque este Nadal “si ou si, merca solidariedade, porque o futuro de moitas persoas depende de ti”. Aseguran que, despois de case nove meses “de crise sanitaria, económica e social por mor da pandemia que estamos a vivir, debemos seguir ao lado das persoas que máis nos necesitan, das que sofren, das que non dispoñen de recursos e das que precisan de todo o noso apoio e comprensión".

CONTRA A VIOLENCIA. Na Asociación Íntegro veñen de participar activamente tamén en diversas actividades e iniciativas contra a violencia de xénero con motivo do 25-N.

O colectivo sumouse ao proxecto De fronte promovido pola Área de Igualdade da Deputación Provincial da Coruña. Ao longo do mes, participaron en diversas actividades en liña, a través das redes sociais, como desafíos poéticos, contacontos, sesións formativas ou accións colectivas de origamis e narracións.

Ademais, participaron na VIII Andaina Solidaria contra a violencia de xénero, camiñando xuntos e xuntas cara o respecto para loitar contra a violencia de xénero e dar visibilidade a esta lacra social. A iniciativa consistiu en camiñar cada un dos seus usuarios polos seus concellos ou comarcas para sumar quilómetros.

Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro fundada no ano 1992 para promover a integración das persoas con diversidade funcional nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. As súas instalacións atópanse en Nantón, no municipio de Cabana de Bergantiños. O equipo directivo, presidido por Adolfo López, conxuga experiencia, xuventude, implicación, actitude, aptitude, esforzo e traballo coa fin de potenciar aínda máis os valores da asociación e reforzar os seus piares.