Temor no goberno de Muxía a que a oposición bote abaixo a bolsa de emprego

A proposta contempla contratar a trece operarios para impulsar o medio rural
Política municipal
Jose Manuel Ramos
O alcalde, Iago Toba, Olalla Benlloch y Javier Romar supervisando unas obras. Foto: Concello de Muxía

O goberno local de Muxía levará ao pleno do xoves a activación dunha bolsa de emprego que contará con trece operarios e maquinaria de mantemento (retroexcavadora e brazo desbrozador de última tecnoloxía) para impulsar o rural.

Este plan “sairá adiante se a oposición non o impide e vota en contra”, afirman. A duración desta iniciativa "será durante un gran período de tempo" e terá como principal función a limpeza e adecuamento das cunetas, ademais do mantemento das vías de interconexión parroquial e da conservación das infraestucturas municipais.

Ao respecto, o alcalde de Muxía, Iago Toba quixo trasladar que “corre o rumor polo noso pobo que xa houbo contactos previos entre os grupos de oposición para botar abaixo esta proposta, que nós cremos tan importante para Muxía e para darlle unha oportunidade e atender ao noso rural, motor económico e esencia da nosa contorna”.

“Sería unha mágoa que puidendo poñer en valor estas zonas do noso municipio durante gran parte do ano, non se levará a cabo por puro capricho político”, engadiu Toba.