Transforman a escola de Reboredo en epicentro de actividades culturais

Equipamentos
Jose Manuel Ramos

Terra de Soneira. O Concello de Vimianzo continúa a posta a punto da antiga escola de Reboredo. O alumnado do obradoiro de emprego xa está executando a renovación no seu interior.

Traballan no mobiliario, no remate das portas e ventanas interiores e na parte principal, maioritariamente na optimización e reposición dos materiais. En decembro, o goberno local acordara o acondicionamento do almacén para desenvolver actividades culturais e gastronómicas. Reparárase completamente a cuberta e adecuárase o interior para facelo habitable, con accións que permitían o aillamento térmico. Tamén se completara a instalación de dous equipos completos de cociña, nuns traballos que contaron cun orzamento total de 43.089,35 euros, dos cales 34.643,84 correspondían á aportación do GDR Costa da Morte.

“Queremos que sexa epicentro de moitas das actividades culturais” sinala o edil Miguel Ángel Pérez. J. M.