Tres servizos baixo mínimos no hospital Virxe da Xunqueira

O PSOE di que non hai dermatólogo dende agosto e minguaron as consultas de otorrinolaringoloxía
Sanidade
J. M. Ramos
O Hospital Virxe da Xunqueira dá cobertura aos concellos de Costa da Morte. Foto: J. M.

A merma nos servizos do Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, será obxecto de debate no Parlamento galego, onde a deputada socialista Begoña Rodríguez vén de presentar unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta que consensúe co goberno local de Cee un plan de acción para recuperar a normalidade.

Alerta da “mingua importante” nos servizos durante os últimos meses, nos que “cada día son máis graves e cada día hai novas necesidades”. Explicou que dende agosto xa non hai dermatólogo, polo que os pacientes están obrigados a desprazarse ao hospital de referencia, na Coruña.

Outros servizos, engade, “tenden a desaparecer”, como o de Medicina Preventiva, que só conta “de forma esporádica e non programada” cunha profesional desprazada dende A Coruña”, e Otorrinolaringoloxía “pasou de constituír un servizo a tempo completo a só atender dous días á semana”.

Dende o PSOE reclámanlle ao Sergas que recupere estes tres servizos, ademais de ampliar o de Reanimación a tempo completo, incorporar unha nova quenda de hemodiálise, implantar a área de Cardioloxía e ampliar Dixestivo.

As demandas que agora levan os socialistas ao Parlamento galego xa foran aprobadas polo pleno da Corporación ceense. Entre elas incluíase tamén a limpeza da fachada do hospital. Rodríguez Rumbo reclámalle ademais á Xunta que se reúna co goberno municipal para deseñar un plan de acción.