Unanimidade a prol de manter o ISM en Corcubión e Muros

Demandarán tamén a cobertura inmediata da praza de médico no centro da Costa da Morte
Servizos
Jose Manuel Ramos
Fachada das oficinas do Instituto Social de la Marina (ISM) de Corcubión, que dá cobertura a oito concellos. Foto: S. C.

Todos os grupos que están representados no Parlamento de Galicia apoiaron a proposta do BNG para instar á Xunta a que demande do Estado o mantemento dos centros do Instituto Social de la Marina (ISM) de Corcubión e Muros e a cobertura, de xeito inmediato, da baixa do profesional médico que atendía o servizo na vila corcubionesa.

A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, lembrou que o Goberno central xa pechou entre 2009 e 2012 as oficinas do ISM de Muxía, Laxe e Fisterra, e agora “parecen ser Corcubión e Muros os que están no punto de mira dos peches e dos recortes”.

Subliñou que os propios profesionais do mar “veñen de denunciar publicamente” o posible peche do centro de Corcubión, que atende aos traballadores e traballadoras de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica.

Rosana Pérez sinalou que é tamén o propio sector “o que está advertindo sobre a intención do peche do ISM de Muros para centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que están obrigados todos os mariñeiros que queiran embarcar”.

Recordou ademais que o Instituto Social de la Marina desenvolve tamén formación sanitaria específica, vacinacións, revisións de botiquíns de a bordo, estudos epidemiolóxicos e seguimento dos procesos patolóxicos das e dos profesionais do sector.

Respecto ao centro de Corcubión, afirmou que “xa non se dan citas, e mesmo as que estaban previstas están sendo anuladas debido á baixa por enfermidade da persoa que viña atendendo ese servizo, sen que fose substituída e sen que puidesen continuar todas as actividades de sanidade marítima necesarias en toda a súa área de influencia”.

A desaparición deste servizo “crearía graves problemas” aos profesionais, concluíu a portavoz de Pesca.

Pola súa banda, o deputado do PP Alberto Pazos xustificou o apoio á iniciativa nacionalista porque “se limita a insistir nas mesmas peticións que a Xunta está a trasladar ao ISM desde hai meses, recollendo o sentir unánime da xente do mar e converténdose no altofalante do sector galego e, de maneira puntual, da frota de Corcubión”.

Segundo lamentou Pazos, a pesar de contar co apoio das federacións provinciais, galega e nacional de confrarías e da Xunta de Galicia, “a única resposta que recibiron do Goberno de Pedro Sánchez os mariñeiros da comarca foi o silencio e a burda manipulación de datos para xustificar o inxustificable”.

Asimesmo, sinalou que o Goberno central “mantén o silencio” sobre a cobertura de prazas vacantes nos centros do ISM, a dotación de EPI’s para o sector ou a posibilidade de facer test, “a pesar de que este instituto ten competencia de sanidade a bordo e dispón de medios técnicos e humanos para desenvolvela”.