Vacinas para Segundo e Pilar, un matrimonio de centenarios de Carreira

Centenarios
Jose Manuel Ramos
Segundo Varela coa súa muller, Pilar Vázquez, ambos de 102 anos, despois de recibir a vacina contra a COVID, coa súa veciña Florinda Ferreiro, de 98 anos. Foto: Carmen Riveiro

Zas. Segundo Varela e Pilar Vázquez son, con 102 anos cada un, dous dos veciños máis lonxevos do concello de Zas, coa particularidade ademais de que son matrimonio. Cumpriron anos en xaneiro e febreiro, respectivamente, e onte amosábanse moi ledos logo de recibir a primeira dose da vacina contra a COVID. Ao chegar á súa casa, no lugar de Carreira, quixeron inmortalizar o día facéndose unha fotografía coa súa veciña, Florinda Ferreiro, de 98 anos, quen espera poder recibir a vacina nos vindeiros días. Detrás da cámara estaba a filla desta última, Carmen Riveiro, que é a presidenta da Asociación de Amigos do Liño. Non se sabe cal é o segredo da lonxevidade dos veciños de Carreira, pero entre a veciñanza din que ben podería ser a auga da fonte da que se abastecen as sete casas do lugar. Só cabe desexar que cumpran moitos máis. J. M.