Vandalismo en Vimianzo contra as novas sinais

Mobiliario urbano
Jose Manuel Ramos
Sinal pintada de branco no lugar de Pasarela, na parroquia de Calo. Foto: Concello de Vimianzo

Terra de Soneira. O Concello de Vimianzo insta á veciñanza a preservar o mobiliario urbano tras detectar actos vandálicos na nova sinalización, concretamente en Pasarela (Calo).

A Administración local vén de instalar recentemente máis de 200 elementos totalmente novos, co conseguinte esforzo económico, “e en apenas dous meses saltan as alarmas tras detectarse pintura branca que cobre case por completo un destes letreiros indicativos”, afirman. As primeiras pesquisas apuntan a unha “gamberrada” para chamar a atención e o goberno municipal manifesta a súa total condena “a este ataque a uns elementos que son de toda a veciñanza e que demandaban veciñas e veciños desde hai moito tempo”, inciden. Califican estes actos como un “atentado contra o noso mobiliario”. Xa están investigando os feitos e instan a que, si alguén ten algunha información, llo faga saber á Policía Local ou á Administración local. J. M.