Vendaval leva as súas reivindicacións ás áreas afectadas polos parques eólicos

Protestas
Redacción
Membros de Vendaval Costa da Morte e Salvemos a Ruña na Cruz de Logoso, en Dumbría. Foto: V. C. M.

Dumbría. Integrantes das plataformas Vendaval Costa da Morte e Salvemos A Ruña decidiron trasladar as súas reivindicacións contra a masificación de parques eólicos aos cumios e espazos que están “afectados ou ameazados” por estes proxectos.

Na fin de semana achegáronse ao lugar da Cruz de Logoso, no concello de Dumbría. Foi, aseguran, “a primeira das concentracións continuadas que imos facer por diferentes zonas afectadas”.

Amosaron pancartas coas mensaxes Por un vento ao noso favor. Si ás comunidades enerxéticas. Eólicos, así non. Os participantes levaron ademais apeiros de labranza “para simbolizar a importancia da terra. A terra si importa. A invasión eólica non”, afirma ó respecto Alexandre López.

As protestas dos referidos colectivos véñense sumar ás doutras entidades medioambientais que seguen a denunciar a proliferación de proxectos eólicos nos montes da Costa daMorte. Froito das alegacións e denuncias interpostas por Adega e outras plataformas, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou, cautelarmente, a tramitación dos proxectos de tres parques: Campelo, Bustelo e Toural. Tamén se formularon alegacións contra o de Monte Chan. redacción