Patrimonio. Duascentas persoas acompañaron a poetas de distintos puntos galegos para alzar a voz contra tres proxectos de parques eólicos // O 12 de xuño haberá unha andaina pola contorna do máxico museo pétreo TEXTO José M. Ramos

Versos e música para protexer os Penedos de Traba e Pasarela

Patrimonio natural
Jose Manuel Ramos
Juan Ramón Vidal Romaní, na xornada poética, musical e reivindicativa nos Penedos de Pasarela. Foto: J. M.

Unhas duascentas persoas acudiron á chamada da Plataforma Salvemos Os Penedos para amosar o rexeitamento a tres proxectos de parques eólicos que ameazan a contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos de Traba e Pasarela, nos concellos de Laxe e Vimianzo.

Un rexeitamento ao que lle puxeron voz, en forma de versos, os poetas Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Diego Cousillas, Miro Villar, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Mato e Xulio Valcárcel. Este último no puido asistir á cita, pero enviou igualmente uns poemas aos que deu lectura o coordinador do encontro, Fernando Díaz Castroverde.

Non faltou tampouco a música, a cargo do grupo Trubisquiñas e do cantautor César Morán, nun acto presentado polo escritor, músico e comunicador Xurxo Souto, quen convidou a todos os presentes a pedir que “medren os Penedos de Traba e Pasarela”. Unha contorna que definiu como unha “presenza poderosa, xeolóxica, emocional e referencial que armou a poesía do grande bardo de Bergantiños e que vai encher de soños as fillas e fillos das nosas fillas e fillos”. Quixo denunciar ademais que a multiplicación de parques eólicos “non é enerxía verde; esto é capitalismo salvaxe”.

A poeta Rosalía Fernández Rial, tamén quixo reflexionar en voz alta afirmando que “para non extinguirnos como especie só hai dous camiños: un é o da ecoloxía e coidado do planeta, e o outro é o feminismo. Sen esas dúas sendas, non temos futuro”, afirmou.

Entre os asistentes estaban os deputados do BNG Mercedes Queixas e Daniel Pérez; a tenente de alcalde de Vimianzo, María Jose Pose; o ex alcalde e portavoz de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo; a concelleira Marta Rey; o exdeputado e profesor da UDC, Carlos Aymerich; e o presidente do Seminario de Estudos Comarcais, Xosé María Lema, quen valorou “moi positivamente” o encontro sinalando que “lembra a resposta cidadá do 2006 en contra da canteira que se pretendía implantar nestes mesmos Penedos”.

Lema Suárez considera que este é un primeiro paso que, xunto coa sinalización da ruta de sendeirismo pola contorna, e todo o traballo divulgativo e reivindicativo feito nos últimos anos, debe facer reflexionar e impedir que xigantes aeroxeradores invadan esta Paisaxe Protexida.

Lembrou ademais que os que non coñecen esta contorna e os seus valores poden facelo descargando de xeito gratuíto da web semescom.gal a Guía dos Penedos de Pasarela e Traba (2012) e o vídeo Os Penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos no tempo (2011).

Dende a Plataforma Salvemos Os Penedos sinalan que os proxectos éolicos, de levarse a cabo, suporán un impacto visual, lumínico e sonoro nas áreas de poboación, alterarán a franxa litoral de Laxe, afectarán ós cursos de auga, impactarán sobre o ecosistema do val e a lagoa de Traba, atentará sobre Os Penedos e os valores etnográficos e patrimoniais da contorna, e suporán unha a perda económica para a hostalería e o turismo, do valor da terra e de postos de traballo. Como alternativa propoñen repotenciar outros parques eólicos. O vindeiro 12 de xuño continuarán coas súas reivindicacións cunha andaina polos Penedos.