Vía libre para a senda de Area da Vila a Lingunde

Infaestruturas
Jose Manuel Ramos
Operarios municipais limparon, baixo control arqueolóxico, parte do trazado polo que discorrerá a futura senda. Foto: Concello de Camariñas

CAMARIÑAS. O Concello confirmou mediante un estudo arqueolóxico que a futura senda entre Area da Vila e Lingunde non afecta ao xacemento da Punta dos Castros. O informe xa foi remitido á Dirección Xeral de Patrimonio para que autorice o itinerario peonil e así Costas do Estado poida proceder á súa licitación. O proxecto contempla dar continuidade ao actual paseo marítimo e, segundo sinala o concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Sergio Caamaño, “esta senda, pola que discorre o Camiño dos Faros, permitirá mellorar a seguridade dos viandantes, ademais de ver colmada unha demanda que viña de anos atrás”. A alcaldesa, Sandra Ínsua, subliña que “logo dos resultados obtidos, xa podemos comezar canto antes os traballos para poder, ao fin, unir estas dúas zonas”. O estudo arqueolóxico incluiu a limpeza manual da vexetación por parte dos operarios municipais, e tívose especial coidado nun tramo de cantil costeiro duns 50 metros de longo. J. M. R.