Vimianzo ampliará o paseo peonil do Rego de Cambeda coa financiación íntegra da Deputación

senda peonil
C.G.
Vista do paseo xa existente coa iluminación. Foto: Concello de Vimianzo

Vimianzo. O Plan Único da Deputación Provincial da Coruña financiará integramente o proxecto para a continuación do paseo peonil do Rego de Cambeda, no concello de Vimianzo. A obra, que conta cun orzamento de 135.000 euros, está a licitación pública ata o doce de maio.

Esta actuación ten o obxectivo de ampliar cara o sur, desde a rúa Vilar ata a avenida de Fisterra, o itinerario existente, que comeza na zona da ponte da rúa Vilar e discorre pegado ao río por detrás do colexio infantil, cruzando a estrada que vai desde o cruce de Casais ata A Toxa, na Braña do Cura, e estendéndose ata a ponte de Ponterroda. Trátase dun paseo de dous metros de ancho, con pavimento de formigón armado con acabado impreso en relevo.

O que se pretende agora con este proxecto é continuar o paseo peonil de forma que chegue ata a avenida de Fisterra e comunicalo coa beirarrúa de dita rúa cunha rampla para que os peóns poidan salvar o desnivel existente. Os traballos a levar a cabo inclúen, ademais da execución da base de pavimento, a instalación de tres pequenas pontes en zonas nas que o paseo deberá cruzar sobre cursos de auga. d.c.