Vimianzo deberá revisar o prego para renovar o alumeado municipal

Dende AV califican de “moi grave” que “no se axuste á lei” // O goberno acúsaos de querer “colapsar a actividade municipal”
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Luminaria na entrada á capital municipal de Vimianzo. Foto: C. V.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galcia (TACGAL) ordenou ao Concello vimiancés revisar o expediente de licitación do proxecto de renovación de luminarias, en base ao recurso especial presentado polo grupo municipal de Adiante Vimianzo (AV). No debate plenario do 26 de marzo, a concelleira Marta Rei, xa expresara “o difícil encaixe dalgúns aspectos na lei”. Aseguran que o prego foi elaborado polo despacho de avogados que asesora ao Concello “e a factura pagada é de 9.000 euros, o mesmo que cobrou pola redaccción dos expedientes e pregos de licitació do SAF”.

Dende AV consideran “moi grave que se promovan uns pregos que non se axustan á lei” e que o Concello teña que pagar por un traballo que “podían facer os funcionarios municipais”. Sinalan que “esta forma de gobernar é desastrosa, e responde a un interese por condicionar o resultado do proceso de licitación, así como a deprezar a opinión da oposición”.

Pola súa banda, dende o goberno local (PSOE), discrepan da interpretación que fai Adiante Vimianzo da resolución, e aseguran que o tribunal “desestimou tres das catro pretensións de Manuel Antelo, líder de AV”, ao que acusa de pretender “colapsar a actividade municipal”, segundo a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Sinala que tanto o proxecto como os pliegos “contan cos informes favorables de secretaría e intervención” e asegura que o Concello “motivará novamente os criterios de contratación, algo que o tribunal xa da por válido, e que se fará á maior brevidade posible”. Di que non se variarán os criterios de valoración nin a mesa de contratación, “os criterios de adxudicación están admitidos e serán os mesmos. Son os aceptados polo TACGAL”.

Convocará un pleno extraordinario “para aclarar esta situación, o que xerará un sobrecuste ás arcas municipais grazas ao capricho de Adiante Vimianzo, con fin de boicotear o traballo do executivo”, sinala a rexedora, quen considera que Antelo “o único que intenta conseguir é que Vimianzo se quede sin o seu proxecto máis importante dos últimos dez anos, vítima dos celos e da arrogancia máis absoluta”.