Vimianzo deixa a Abanca sen os fondos municipais tras pechar en Baíñas

Servizos
Jose Manuel Ramos
Concentración de protesta diante da xa pechada oficina de Abanca en Baíñas. Foto: Concello de Vimianzo

SONEIRA. O Concello de Vimianzo, a través da súa alcaldesa, Mónica Rodríguez, decidiu de xeito unívoco retirar os fondos do depósito de crédito da entidade Abanca e repartirá a cantidade entre o resto das sucursais da zona. Esta situación é derivada da problemática do peche da oficina de Baíñas, e en verbas da propia rexedora, “non sería consecuente seguir contando cos servizos de Abanca logo do abandono desta entidade co noso rural e do resto de Galicia”, afirmou. Comunicoulle esta decisión ao resto de grupos da oposición nunha Xunta de Portavoces, onde recibiu o apoio unánime de todas as forzas que integran a corporación. “O obxectivo do traspaso dos cartos do Concello de Vimianzo ao resto de entidades é, nin máis nin menos, o resultado dunha total denigración para coa nosa veciñanza. O trato de Abanca cos veciños e veciñas de Baíñas foi absolutamente reprobable, e por iso cremos que a mellor opción é non volver a contar cos seus servizos”, sentenciou.