Vimianzo dota de rede de saneamento ó lugar de Outeiro de Braño

Tamén mellorarán a pista final do núcleo e
o vial interior porque se atopan en mal estado
Obras
Jose Manuel Ramos
Lugar de Outeiro de Braño, ao que dotarán de rede de saneamento. Foto: Concello de Vimianzo

Vimianzo. O Concello de Vimianzo proxecta a mellora na rede de saneamento na zona de Outeiro de Braño, na parroquia de Carantoña. A actuación será financiada con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.

Investirán 47.749,85 euros nun lugar onde non existe ningunha rede pública de saneamento de augas residuais. Debido á topografía do lugar, prevese a instalación dunha estación de depuración, posto que é posible canalizar as augas cara un só punto de tratamento e vertido executando, no medio do percorrido, dous tramos con pendentes cara a estación, preto do río de Carantoña.

Segundo informan dende o Concello, trátase dun sistema unitario que evacuará por gravidade cara a depuradora incluída no proxecto. O obxectivo desta infraestrutura é a evacuación, transporte, recollida, concentración e depuración dos verquidos de augas residuais que se xeran no núcleo de poboación de Braño, e a eliminación de pozos e fosas sépticas que actualmente recollen ditas augas nas parcelas privadas.

Asemade, tamén mellorarán a pista final do núcleo e un tramo de pista no interior. O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, asegura que se “dotará dun servizo esencial a este núcleo”. J. M.