Xoán Curiel e Iris Gey ofrecen un concerto no albergue Bela Muxía

Poderá seguirse en streaming este mércores a partir das 19.30 horas
Música
Jose Manuel Ramos
Iris Gey e Xoán Curiel

O albergue Bela Muxía acolle este mércores, a partir das 19.30 horas, un concerto por streaming do compositor e cantante Xoán Curiel e a cantante Iris Gey. Achegarán a figura de diversos trobadores do período trobadoresco (séculos XII a XIV).

Xoán porá música a diferentes cantigas da lírica medieval galego-portuguesa co propósito de ofrecer unha actualización ou renovación das mesmas, aportando a súa propia visión persoal, musical e creativa.

No concerto interpretarán, entre outras, a canción ‘A furna da Buserana’, que versa sobre unha lenda medieval de Muxía da que se fixo eco o poeta Gonzalo López Abente.

Esta actuación será ademais un anticipo do sétimo disco de Xoán Curiel, feito a partir das referidas cantigas. Un proxecto que naceu ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.