Zas captura máis de tres mil vespas velutinas en tan só quince días

Especies invasoras
Jose Manuel Ramos
Parte das máis de tres mil vespas velutinas capturadas no Concello de Zas. Foto: C. Z.

Zas. Nos últimos quince días capturaronse 3.134 vespas velutinas grazas á campaña de trampeo posta en marcha polo Concello de Zas. As cifras, que reflicten a magnitude do problema, son moi superiores ás das campañas anteriores debido á colaboración da veciñanza.

A iniciativa arrancou en marzo co apoio de máis de 120 veciños e veciñas de todas as parroquias e dos apicultores, o cal fixo que se aumentara considerablemente o número de trampas distribuídas polas 16 parroquias. Dende a empresa encargada do control desta campaña - Plaguiber - aseguran que estas capturas son, con toda a probabilidade, de raíñas fundadoras polo que se evitará a formación doutros tantos niños.

Tamén se colocaron trampas naqueles puntos máis sensibles e onde se localizaron niños nos anos anteriores, como nas beiras dos ríos ou nas zonas con árbores en flor. Todas se renovan cada quince días e están sinalizadas co logo do Concello de Zas e xeolocalizadas co fin de poder ver cales son os espazos de maior incidencia desta praga.

O alcalde, Manuel Muíño, agradece a colaboración da veciñanza e dos apicultores na loita contra esta praga. Así mesmo recorda que este é o cuarto ano consecutivo que o Concello pon en marcha esta campaña co fin de erradicar esta especie invasora. Todas foron financiadas con fondos municipais cando, engade, “este é un problema que afecta a toda a comunidade e que debería controlarse dende a Xunta”.