Zas pedirá que a Carballeira de Baio pase a ser Formación Senlleira

Acolle dende hai máis de catro décadas unha popular festa e é de titularidade municipal
Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
A carballeira de Baio aspirará a ser declarada Formación Senlleira. Foto: Concello de Zas

Zas. O Concello de Zas está a rematar o informe que lle enviará á Xunta de Galicia para incluír a Carballeira de Baio dentro do catálogo de Formacións Senlleiras e dotar así a este espazo con esta figura de protección. A solicitude contén unha detallada relación das especies predominantes, así como diverso material que acredita o valor cultural do lugar onde se celebra unha festa popular o último domingo do mes de xuño dende hai máis de corenta anos.

Dende xuño do ano 2017, a Carballeira de Baio é de titularidade pública despois de que o Concello de Zas mercase este terreo situado ao carón do paseo fluvial.

Unha Formación Senlleira é un espazo protexido cunhas medidas especiais de conservación e que polas súas características son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e cun alto valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes espazos singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos tempos ou que contan cunhas particularidades especiais. Actualmente en Galicia hai 40 espazos baixo a figura de Formacións Senlleiras e, no caso de que se lle conceda, a Carballeira de Baio sería a primeira da Costa da Morte en ter este recoñecemento.

O alcalde, Manuel Muíño, asegura que “este é un chanzo máis na conservación e preservación deste espazo para poder legarllo ás xeracións futuras e que poidan desfrutalo como nós o desfrutamos na actualidade”. J. M. r.