Dispáranse os contaxios na Illa de Arousa, mentres que Ribadumia e Meis únense a Vilanova no nivel básico de restricións

Cesa o peche perimetral en ambos concellos, mentres que a Illa de Arousa eleva os seus casos activos por COVID até os 81, nunha poboación de preto de 5.000 habitantes
COVID
Mateo Garrido
No Hospital de Montecelo permanecen ingresados 42 doentes, 8 deles na UCI. Foto:EP

O comité clínico da Xunta decidiu na mañán de hoxe rebaixar o nivel de restricións en Ribadumia e Meis dende o medio ao básico, rachando así esa améndoa de circulación que formaban ambos concellos xunto co de Meaño –que continuará pechado perimetralmente, agora de forma individual–. Ambos concellos viñan presentando síntomas de melloría nas súas cifras, logrando rebaixar a súa incidencia acumulada (novos casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes) a menos de 150 e motivo que levou ao departamento de saúde a inscribir o nome de ambos concellos xunto co de Vilanova no nivel máis flexible en canto ás restricións sanitarias.

A pesares da favorable evolución de ambos concellos do interior arousán, esta non é a tónica xeral da comarca, de feito os especialistas anunciaron tras a xuntanza do comité clínico que Vilagarcía atópase na lista de concellos nos que se implementará unha vixiancia especial polos seus datos negativos. A capital arousá conta hoxe con 117 casos activos, 9 menos que o pasado domingo; pero son 113 os novos casos diagnosticados durante os derradeiros 14 días, unha incidencia que os expertos consideran apropiado seguir de preto nun nivel restritivo que se mantén medio-alto.

Non obstante, os datos epidemiolóxicos que máis preocupan na comarca atopámolos na Illa de Arousa que cunha poboación de aproximadamente 5.000 habitantes conta con 81 casos activos por COVID. Nas últimas dúas semanas téñense producido un total de 78 novos diagnósticos, o que supón a incidencia acumulada máis alta de toda a provincia de Pontevedra –con 1.583–. A Policía Local insistía onte a través das redes sociais na necesaria adopción das medidas de seguridade (máscara, distanciamento social e lavado habitual de mans), nunha vila na que a pesares do crecemento dos diagnósticos o nivel restritivo non se endurece, e continúa sendo medio-alto.

Nese nivel máximo en canto ás restricións, permanecen O Grove, Sanxenxo e Cambados. A vila do Albariño ven mellorando os seus datos epidemiolóxicos nas últimas semanas, con 31 novos diagnósticos nas últimas dúas semanas, o que reduce a indicencia acumulada por debaixo dos 250, mentres que tanto O Grove como Sanxenxo –que conforman a partires desta madrugada a única améndoa perimetral– permanecen cunha incidencia acumulada que ronda os 500 novos positivos nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés pèrmanecen neste momento 8 doentes graves por COVID que están sendo tratados na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, no C.H.U de Pontevedra permanecen tamén en planta 34 doentes. Mentres que no Hospital do Salnés hai 6 doentes en planta e no hospital privado Quirón Miguel Domínguez 2 doentes evolucionan en planta da enfermidade. Do mesmo xeito, a xerencia da área sanitaria vén de realizar

Cómpre lembrar que entre o día de mañán e as 23 horas do día de Nadal, a mobilidade nos concellos con peche perimetral estará permitida só para as reunións familiares derivadas das festividades, continuando as restricións exactamente como ata agora coas modificacións xa citadas.