Moreiras e a salga: o espazo ao que deu vida a Festa do Marisco

O espazo museístico do Grove, que acerca aos visitante a realidade social mariñeira da vila e do conxunto da Arousa, naceu arredor desta festividade
Cultura
M. Triñanes
A peza máis salientable é a recreación dun faro.

En Arousa todo xira entorno ao mar, é inevitable. A Ría é unha (in)finita fonte de recursos que da sustento a un número inxente de familias, fundamentalmente a través dalgún dos múltiples traballos do mar, pero tamén nun importante -aínda que depauperado- sector conserveiro, ou dando a coñecer a través do turismo as bondades deste paraxe natural, así como, a altísima calidade das súas materias primas.

Non obstante; a dixitalización, o paso do tempo e o sucesivo desenvolvemento das actividades dos sector terciario están a supoñer unha perda de capacidade retrospectiva. A sociedade global obríganos -continuamente- a mirar cara adiante e centrarnos nas potencialidades que temos a futuro, aparcando o que nos fixo chegar ao que somos. Unha visión que fai gabarse con orgullo –sobre todo aos máis novos– da potencia do noso sector marisqueiro e pesqueiro, sen coñecer a súa idiosincrasia e o seu desenvolvemento.

Con este obxectivo didáctico, de pór en valor a riquísima antropoloxía mariñeira da Arousa, naceu hai xa trece anos –en 2007–, o Museo da Salazón do Grove, aínda que a súa historia comeza uns anos antes. En 2001, no marco da Festa do Marisco –que de non ser pola covid estaríase celebrando nestes intres–, o Concello decide instalar unha gran exposición na zona portuaria, denominada Mar Adentro, na que trataba de acercar tanto a visitantes como veciños unha crónica da realidade mariñeira arousá.

A través desta exposición, vaise xestando o proxecto do museo, a medida que se facía acopio de material, documentación e collíase experiencia na preparación e xestión dunha mostra destas características, e xa en 2003 comeza a súa execución, despois de que o Concello do Grove encargase ao biólogo marino José Luis Escalante o proxecto museográfico.

A ubicación elixida foi Punta Moreiras pola súa envidiable ubicación, así como, tratando de integrar as singulares características do lugar xa que esta enseada foi, desde finais do século XVIII ata mediados do XX, unha importante zona de asentamento dos fomentadores cataláns para a industria da salgadura da sardiña, restauráronse dúas fábricas de salgadura ou “salgadeiras”. Factorías que foron rehabilitadas por un gabinete de arquitectos da localidade para dar vida ao proxecto museístico.

A primeira, e máis antiga delas, atópase hoxe rehabilitada e dotada dos elementos necesarios para o seu funcionamento como fábrica de salga. Trátase dunha edificación ao aire libre, polo que a entrada é gratuíta e permanece continuamente aberta. Nas diferentes seccións da instalación, ubicáronse paneis e representacións dos procesos que alí se realizaban para conservar a sardiña en salmoira. Un importante testigo dos primeiros pasos da importante industria conserveira na vila, que hoxe noutros lugares do concello, recollen centos de traballadoras e traballadores nas fábricas de Isabel, Atunlo e Thenaisie Provoté –nestes intres, loitando pola solución dun conflito laboral que ameaza con deixar á vila sen unha das súas factorías máis ilustres–.

A segunda instalación, cunha estrutura máis moderna, data de 1931, non obstante foi reconstruída sobre outra máis antiga –de 1790– que se atopaba en ruinas a consecuencia dun forte temporal. Conta cun pequeno embarcadoiro, ao que mariñeiros e bateeiros amarran os seus botes auxiliares, mais que noutra época foi empregado por unha motora de pasaxe e transporte de mercadorías que viaxaba aos tamén arousáns concellos de Cambados e Vilagarcía. Por este motivo, ademais de fábrica de salga, esta segunda instalación tamén exerceu funcións de almacén de produtos coloniais.

Hoxe, non obstante, é o edificio principal do espazo museístico e onde se recollen a maioría das pezas das que o Concello foi facendo acopio durante estos anos, e que se dividen en seis diferentes seccións: pesca e marisqueo, carpintería de ribeira, motores mariños e primeiro instrumental electrónico, salga, conserva hermética e redes e cordelería. Segundo nos conta José Luis Escalante, biólogo marino e encargado do proxecto museístico, “a pesares de levar abertos dende 2007, levamos un rexistro das visitas nesta instalación principal dende 2014. Con 8.000 visitas anuais de media”. Non obstante, a pandemia –como en tódolos sectores– paralizou a súa actividade, no momento no que comezaban a chegar máis visitantes. “Ademais dos particulares, que veñen sobre todo os fines de semana, unha parte importante da actividade vén das excursións escolares, e a través dun proxecto da Deputación de Pontevedra, ‘Ruta coa Depo’, que este ano non puideron vir durante toda a primavera e comezan a vir agora”, cóntanos Escalante, que recoñece que durante o verán si que houbo boas cifras en canto a visitas. “É certo que no verán, sobre todo en agosto, non baixou demasiado con respecto a outros anos. Houbo 900 visitantes, mentres que no mesmo mes de 2018, o ano con maior número de visitantes, no que se rozaron os 10.000, houbo 1.200”, explica o biólogo.

E MOITO MÁIS. Cando se comezou a deseñar este espazo, intentouse sempre que a súa contorna formara parte da peza museística, tratando de acondicionar para iso o conxunto da área exterior. Con este fin incluíronse grandes áncoras, un pesqueiro de doce metros co seu motor de Barreiros ou esqueleto dun vello galeón. Ademais construíuse un miradoiro de madeira enfronte ao Porto de Meloxo que descansa sobre os restos dunhe terceira “salgadeira”.

O espazo foise ampliando co paso dos anos, habilitouse un camiño de unión entre as fábricas de salgadura e outro máis que discorre pola beira do esteiro, no que hai un par de anos se habilitou unha ponte que posibilita cruzar o esteiro coa pleamar. Ademais, en 2014, instalouse un conxunto escultórico creado pola Escola de Canteiros de Pontevedra con importantes pezas que nos que poderemos ver sucesivos elementos etnográficos relacionados coa industria do mar.