O comité de empresa de Carsa esixe a readmisión dos traballadores despedidos e a súa incorporación ao ERTE

“No caso de que a empresa non acepte readmitilos poderían reactivar a folga indefinida”, anuncian dende a CIG // O vindeiro venres darán comezo as negociacións do expediente de regulación temporal de emprego
ERTE
El Correo Gallego
Os traballadores de Carsa nunha concentración no seu centro de traballo. Foto:CIG

O comité de empresa da factoría Carsa Carrocería S.A., pertencente ao grupo Castrosúa e situada na capital arousá, esixe a readmisión dos 15 traballadores despedidos a pasada semana e a súa incorporación ao expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que a dirección quere aplicar debido ao descenso da produción.

A compañía iniciou onte o período de consultas coa entrega da documentación e este venres día 13 darán comezo as negociacións, segundo informa o sindicato CIG.

Esta reclamación será posta encima da mesa polo comité de empresa, liderado polo sindicato CIG, que entende que os empregados indefinidos que foron despedidos teñen que ter os mesmos dereitos que os seus compañeiros.

No caso de que a empresa non acepte as condicións do persoal, os traballadores decidirán as accións para levar a cabo, sen descartar a reactivación da folga indefinida que anunciaran para esta semana e que polo momento queda en suspenso á espera de que comecen as negociacións.

A dirección de Carsa mantivo unha reunión na mañá de onte co comité de empresa para iniciar o período de consultas dun ERE temporal por causas organizativas e de produción, propoñendo a suspensión de contratos de todo o cadro de persoal como consecuencia do descenso de pedidos por parte tanto de entidades públicas como de compañías privadas.

Segundo as previsións de Carsa, esta baixada xeralizada da produción prolongaríase durante os anos 2021 e 2022, polo que a súa intención é que neste período adáptese o cadro de persoal ás necesidades reais de fabricación, suspendendo os contratos cando as liñas de produción sufran unha caída por falta de material ou de pedidos.