A Marea pide que se active a depuradora de Pontenafonso

Infraestruturas
M.C.
Manuel Seijas achegouse á depuradora de Pontenafonso. Foto: Marea

Noia. O grupo municipal da Marea Cidadá de Noia preguntará no vindeiro pleno pola depuradora de Pontenafonso “que leva dous anos rematada e non se puxo en funcionamento”. Aseguran que a instalación “está nun emprazamento inadecuado, atópase no sitio máis elevado de toda a parroquia o que obrigará a poñer unha zona de bombeo para varias casas”.

Dende o grupo municipal afirman que dende o Partido Popular “non se preocuparon nin por dar o subministro de electricidade para o equipamento”, destacando que se trata “dunha verdadeira irresponsabilidade xa que estase vertendo directamente ao Tambre tendo unha depuradora construída”.

Neste sentido, dende a citada formación indican que “nun concello que vive directamente do mar, estas prácticas non se poden tolerar baixo ningún concepto”, e apuntan que reclamarán ante Augas de Galicia e a Deputación, “que financiou a obra, para que se poña en marcha dunha vez por todas”, din.

O voceiro da Marea Cidadá, Manuel Seijas, visitou a instalación para comprobar “que ademais a área recreativa está en desuso polos problemas ocasionados no firme debido as obras, cuestión que se deberá resolver”. m. c.