A Pobra festexará o Día de Galicia co certame Galeguizando TikTok

Haberá tres premios de 100 € á orixinalidade, á creación e á peza máis divertida do concurso
Día de Galicia
Suso Souto
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro, esquerda, e o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos, na presentación. Foto: C.

A Pobra. A situación epidemiolóxica actual derivada da COVID fixo que o Concello da Pobra tivese que reformular as actividades programadas polo Día da Patria Galega (25 de xullo). Unha das propostas é a emisión dunha peza audiovisual coa lectura de Alba de groria, de Castelao, a través da canle de Youtube e redes sociais do Concello.

Así mesmo, bota a andar o concurso Galeguizando TikTok. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e seguir o formato da App TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, deberán anotarse e facer a entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 31 de xullo, e unha vez formalizada a mesma, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de rematar o día cinco de agosto e as gañadoras faranse públicas a partir do día 10 de agosto. As bases están dispoñibles na páxina web www.apobra.gal. s. s.