A Pobra reivindica polo 25N a educación en igualdade como base da prevención

O Concello programou faladoiros, unha mostra e un concurso // Tamén haberá accións orientadas aos centros educativos
25-N
María Cano
Pola esquerda, Rodríguez, Varela, Piñeiro e Pérez na presentación do programa. Foto: C.

A concellaría de Igualdade da Pobra do Caramiñal activa unha ampla axenda dirixida a toda a poboación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o 25 de novembro. Ponse así o foco na importancia da educación en igualdade como base da prevención e erradicación da violencia de xénero.

O programa esténdese a todo novembro e, de feito, algunhas actividades xa comezaron a principios de mes, como é o caso do proxecto Muller Dixital, impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ou a representación da peza teatral Miss Docet o día 12.

No cartel tamén hai oco para as exposicións que convidan á reflexión sobre o papel das mulleres ao longo da historia: a mostra Nós somos elas artéllase sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal protagonizadas por mulleres. Pódese visitar na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler na última quincena de novembro.

A quenda dos faladoiros terá lugar no propio día 25. O teatro Elma dará cabida, ás 19.00 horas, a un videofórum coa proxección das curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan para posterior debate moderado pola xornalista Marga Pazos. O acto incluirá tamén a lectura dun manifesto.

Ao día seguinte habilitarase na praza do Emigrante, en horario de mañá, o estand Agresión Off: Eu digo non á violencia de xénero. Esta iniciativa ten como obxectivo a loita contra as violencias exercidas nas mulleres a través de obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas.

Así mesmo, continúanse coas accións orientadas aos centros educativos do municipio. Na próxima semana levaranse sesións de contacontos, un obradoiro creativo artístico-dixital, unha conferencia ou un coloquios aos colexios e institutos da Pobra.

Ademais, continúa aberto o prazo do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. Bases en apobra.gal.