A provincia da Coruña alcanza xa os trinta e nove concellos emprendedores
Muros. Un total de 39 municipios da provincia da Coruña son xa Concellos Emprendedores tras a adhesión de Muros. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.
Galicia conta actualmente con 151 Concellos Emprendedores: aos 39 da provincia da Coruña engádense 23 en Lugo, 66 en Ourense e 23 en Pontevedra. “Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o pasado ano no Parlamento galego e contribúen así a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais”, sinalan dende o Goberno autonómico.
O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.
Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Fegamp. cg