A vila lousamiá acolle a dúas voluntarias europeas

Voluntariado
M.C.
Ülkü Kosdas, 2ª pola esquerda, e Ezgi Alkaya, 4ª, xunto ás representantes municipais e o técnico de Voluntariado. Foto: C. L.

Lousame. A concelleira Silvia Agrafojo e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presentaron este martes a Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, as dúas novas voluntarias europeas que estarán os próximos 10 meses en Lousame. “Colaborarán xa nos próximos Campamentos de Verán pero tamén en distintas actividades culturais, sociais e deportivas que se organicen en Lousame”, explicou a edil, quen destacou que “ademais colaborarán no Punto de Atención á Infancia, no centro de día e impartirán unhas clases de inglés para os nenos e nenas durante o verán”.

Ülkü Kosdas procede dunha localidade do interior de Turquía e sinala que “me gusta o labor que fan os voluntarios e espero desfrutar do proxecto preparado polo Concello de Lousame”. Mentres que Ezgi Alkaya, dunha vila próxima a Estambul, amosouse “moi feliz por estar aquí como voluntaria europea e pola posibilidade de colaborar en diferentes actividades”.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida. “Esta será a cuarta vez que acollamos voluntarias europeas”, indicou a concelleira de Xuventude. m. c.