A Xunta anuncia a reforma integral do colexio Castelao cun investimento dun millón

A previsión é licitar as obras no primeiro trimestre 2023 e executalas no verán // Mellorarase a eficiencia enerxética
Educación
Marta Torres
Representantes municipais e do centro educativo xunto a Román Rodríguez, 5º esquerda, durante a visita. Foto: Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o colexio Castelao, no concello de Rianxo, onde anunciou que o seu departamento vai licitar no primeiro trimestre de 2023 as obras de rehabilitación integral deste centro. A previsión é que as obras, que contarán cun orzamento de 1 M€, comecen arredor do verán.

“Galicia conta cun parque inmobiliario educativo en torno a 1.600 edificios que supoñen, aproximadamente, 1.100 centros educativos. A idade media está aproximadamente entre 45 e 50 anos e, obviamente, o volume do parque inmobiliario tamén á súa idade fai que sexa necesario incrementar medidas para mellorar o que son os edificios e adaptalos ao mundo actual, no que prima e é moi importante o aforro enerxético e todas as medidas de eficiencia”, indicou o conselleriro de Educación, quen destacou que “o obxectivo da actuación é mellorar as condicións xerais do centro, en especial o confort do alumnado e profesorado e a eficiencia enerxética”.

Para iso acometerase a reparación das gretas da fachada e a súa impermeabilización mediante sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), así como a reforma da cuberta. Ademais, cambiaranse as carpinterías das fiestras (un total de 111), instalaranse caixas de persianas e instalaranse canlóns e baixantes pluviais.

“Estas medidas permitirán acadar un aforro enerxético do 57 %”, explicou Román Rodríguez, enmarcando estas obras no obxectivo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de facer os centros máis sustentables desde o punto de vista medioambiental e máis confortables para a comunidade educativa. “De feito, do total de 191 millóns de orzamento do Plan, o 40,5 % (77,5 millóns) están destinados a actuacións de eficiencia enerxética”, destacou.

O Goberno autonómico está investindo case 3,5 millóns de euros en grandes obras de rehabilitación integral noutros tres centros da comarca do Barbanza, en concreto nos institutos Plurilingüe Fontexería (Muros), no da Pobra do Caramiñal e no colexio Plurilingüe de Frións (Ribeira). Ademais, no verán acometéronse melloras de pequena e mediana envergadura noutra decena de centros da zona, por importe de 150.000 euros, explicaron

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica é a folla de ruta da Xunta para o deseño dos centros educativos postcovid. Contempla centros máis amplos e saudables, que estarán mellor integrados na contorna e, o que é máis importante, virán preparados para ser versátiles e dar resposta ás necesidades do ensino das próximas décadas.