A Xunta licita obras de acondicionamento na lonxa de Portocubelo

Mar
M.C.
O autor do proxecto explicou o obxectivo das obras. Foto: X.

Carnota. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de sacar a licitación a mellora do edificio da lonxa de Portocubelo, no municipio coruñés de Carnota. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita este venres á localidade onde presentou á confraría de pescadores de Lira e ao alcalde do municipio, Juan Manuel Saborido, o proxecto para as obras, que veñen de saír a concurso por un importe de 310.000 euros.

A presidenta de Portos de Galicia, que estivo acompañada polo autor do proxecto, explicou que o obxectivo “é acadar a mellora integral de numerosos aspectos construtivos, así como a súa envolvente para optimizar a eficiencia enerxética do inmoble”, indicou ao respecto.

Entre as actuacións previstas, substituirase o falso teito da cuberta por panel sandwich e renovaranse a fachada de madeira vista e o revestimento de madeira das terrazas, onde se reporá tamén a varanda. Finalmente, tal e como explicou Susana Lenguas, cambiarase a carpintería e as varandas, así como a porta exterior de acceso, e dotarase de novas luminarias e acometida de auga soterrada.

Mellorar as condicións de traballo dos usuarios e impulsar a actividade nos portos é o obxectivo dun plan de melloras que a Administración autonómica leva a cabo en instalacións vinculadas ao sector do mar. Cómpre lembrar que tamén se investirán algo máis de 400.000 € no acondicionamento das rulas de Portosín e O Son. m. c.