Adisbismur festexará este venres o seu 40 aniversario

Celebración
M.C.
Un grupo de usuarios completaron o Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia. Foto: Adisbismur

Outes. Os alcaldes dos concellos de Carnota, Muros, Mazaricos e Outes, o Director Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, a deputada de Benestar Social e Educación da Deputación da Coruña, persoas usuarias da entidade, familiares, socias, profesionais, voluntarias e representantes do movemento asociativo da discapacidade de Cogami daranse cita este venres para conmemorar o 40 aniversario da Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adisbismur).

A cita será ás 18.00 horas na casa da cultura de Outes, lugar que acollerá actuacións musicais, unha representación teatral interpretada polas persoas usuarias do centro Niveiro que ten Adisbismur, ademais de discursos “que servirán para refrescar a memoria das persoas que iniciaron esta aventura hai corenta anos”, avanzaron este xoves dende Cogami.

Para rematar, na gala farase entrega de dous recoñecementos: un deles é o Premio ao Voluntario, un recoñecemento ao compromiso, e o outro sería o Premio á Traxectoria Profesional que lle será entregado á persoa coa traxectoria máis lonxeva na entidade. A gala concluirá cuns petiscos elaborados polas persoas usuarias da propia entidade.

Lembrar que Adisbismur é unha entidade sen ánimo de lucro, creada co fin de traballar pola integración social, formativa e laboral das persoas con discapacidade da comarca de Muros-Noia. m. c.