Adisbismur recibe unha nova furgoneta adaptada de nove prazas

Foi cofinanciada pola Fundación ONCE e cubre a ruta dende Mazaricos a Outes
El Correo Gallego
O novo vehículo adaptado de Adisbismur.

Outes. A asociación de atención a persoas con discapacidade Adisbismur, da comarca de Muros, dispón dun novo vehículo adaptado para o transporte dos usuarios e usuarias do seu centro de recursos de Valadares (Outes) que se desprazan dende o concello de Mazaricos.

Coa fin de mellorar a mobilidade e a calidade de vida das persoas do centro, a Fundación ONCE, a través do Plan de Prioridades, colaborou cunha subvención de 13.000 euros na adquisición deste novo vehículo, un modelo Ford Transit con capacidade para nove prazas e con rampla de acceso adaptada.

A chegada deste vehículo vén completar a flota que ten a entidade, un total de sete furgonetas adaptadas, e que serven para transportar ás corenta e oito persoas que de luns a venres acoden ata o centro de Valadares dende os concellos de Noia, Muros, Outes, Mazaricos, O Pindo, Carnota e Negreira, comprendendo unhas rutas con traxectos que superan os 100 quilómetros diarios.

Dende a asociación recalcaron a necesidade de contar cun servizo de transporte adaptado para as persoas con discapacidade, pois isto permítelles poder acudir ata o centro e participar dos seus servizos “que lles melloran a calidade de vida”, indicaron.

INTEGRACIÓN. Adisbismur é unha entidade sen ánimo de lucro, creada coa fin de traballar pola integración social, formativa e laboral das persoas con discapacidade da comarca. Ten centro ocupacional e un centro de día. m. c.