Afrontan a súa fase final as obras de reforma da piscina de Lousame

Obras
M.G.
Imaxe da piscina municipal de Lousame. Foto: C. L.

LOUSAME. O Concello de Lousame está a piques de rematar as obras de reforma integral da piscina municipal, iniciadas o pasado mes de xuño e nas que inviste 114.500 €. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “os traballos están practicamente acabados, a falta dunhas pequenas actuacións no vaso da piscina” e aproveitou para adiantar que “debido á gran ampliación realizada na zona de praia imos proceder a facer un portal e acondicionar un novo peche perimetral”. As obras, adxudicadas á empresa Jstop Obras y Servicios SL e incluídas no Plan Complementario do Plan Único 2019, supuxeron a demolición e reposición do antigo pavimento e do muro de peche, onde se procedeu a ampliar a zona de praia. “Esta ampliación da zona de praia é, quizais, a maior novidade coa que se atoparán os veciños e veciñas a primeira vista, así como as melloras na zona das duchas e mesmo na carpintería interior dos vestiarios. Pero durante os últimos meses tamén impermeabilizamos o vaso da piscina, para evitar fugas de auga, e importantes reparacións na sala de máquinas que redundarán nun mellor servizo”, indicou a rexedora. Así, o vaso da piscina xa está impermeabilizado e só restan uns traballos de revisión e selado. m. C.