Alianza para potenciar a riqueza patrimonial e o turismo sostíbel

Deputación e concellos da Barbanza firmaron onte o convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro
Arqueoloxía
María Cano
Pola esquerda, Pouso, Romero, González, Regueira, Piñeiro e Muíños, onte durante a sinatura do convenio. Foto: Deputación

Aposta polo patrimonio arqueolóxico, posta en valor de recursos históricos, promoción do turismo cultural e de calidade e cooperación institucional son algúns dos eixos do convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro. O acordo foi asinado onte por representantes das cinco administracións locais implicadas nun acto no que participaron o presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Xosé Regueira.

Así, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García; o seu homólogo na Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; o de Rianxo, Adolfo Muíños; e Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso, e o vicepresidente e deputado de Turismo da entidade provincial, firmaron o acordo de colaboración polo que se formaliza o parque arqueolóxico co que se dá un paso definitivo para o impulso dunha iniciativa de especial interese patrimonial, cultural e turístico do territorio da Arousa Norte e a Barbanza.

No acto de sinatura, Regueira destacou que co convenio dáse un “impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio como é o seu riquísimo patrimonio que contribuirá a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía”.

Ao respecto tamén se pronunciou o rexedor ribeirense, quen sinalou que “con este plan da Deputación imos conseguir que a Idade de Ferro se converta en ouro puro na nosa comarca”, mentres que José Ramón Romero resaltou o “patrimonio como valor engadido ao turismo na comarca do Barbanza” e fixo fincapé na colaboración institucional á hora de defender este proxecto.

Tamén o alcalde de Rianxo mostrou a súa satisfacción “por materializar o convenio e o impulso que supón á difusión e promoción dos monumentos castrexos da nosa comarca que queremos facer un dos eixos vertebradores do turismo cultural e histórico”, ao tempo que o responsábel pobrense consideraba que a iniciativa é “unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio e dálo a coñecer á cidadanía”. No acto participou tamén o edil de Porto do Son, Juan Pouso, municipio que asume a primeira presidencia do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

O obxectivo da comunidade intermunicipal é, segundo se recolle no texto do convenio, a “posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nos respectivos termos municipais, no marco das competencias propias que lle corresponden en materia de promoción económica, desenvolvemento territorial e turismo”. A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do que formarán parte dous representantes da Deputación e dous de cada unha das corporacións participantes. O acordo ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros tantos.

Un proxecto que suporá a posta en valor de cinco monumentos castrexos da zona.