Amosan unha biorecicladora ó alumnado do IES A Cachada

Economia circular
M.C.
O alumnado do IES A Cachada participou nun taller de reciclaxe e economía circular no que aprenderon o uso da máquina biorecicladora. Foto: C.

Boiro. O Concello de Boiro adquiriu, ao abeiro dunha subvención recibida da Consellería do Mar para proxectos das estratexias de desenvolvemento local participativo, unha máquina biorecicladora que converte plásticos reciclados en obxectos cotiás. O concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz, acompañou ao alumnado do IES A Cachada na demostración deste aparello.

A adquisición desta máquina está englobada no marco do programa Boiro libre de plásticos co que se pretende a mellora da calidade ambiental da ría de Arousa mediante a divulgación con accións formativas nas que se involucre a distintos actores relacionados co mar e ao alumnado.

“O obxectivo desta actividade e deste programa é darlle unha segunda vida ao plástico en obxectos de uso diario”, afirmou o concelleiro.

O alumnado do instituto A Cachada participou hai uns días nun taller de reciclaxe e economía circular no que aprenderon o uso da máquina biorecicladora, mediante a que puideron crear obxectos para o uso cotiá a partir de refugallos de plástico. Esta actividade ten como finalidade influír sobre a importancia da conservación da biodiversidade ademais de promover a creatividade. m. c.