Ampliación do proxecto de compostaxe en A Pobra

compostaxe
M.C.
Charla formativa a cargo dun biólogo ambiental en A Pobra. Foto: C. P.

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal continúa reforzando a compostaxe doméstica no municipio co repartimento de trinta novos colectores proporcionados por Sogama. Trátase da cuarta campaña na que está inmersa a concellería de Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo, para fomentar a sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe e que se traduciu xa na distribución de 160 unidades en vivendas unifamiliares do termo municipal.

Aínda quedan composteiros dispoñibles, polo que as persoas que desexen participar deben formalizar a súa solicitude a través do rexistro, preferiblemente o telemático. Entre os requisitos figuran: vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal; dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados, e permitir o seguimento da compostaxe durante o vindeiro ano por persoal acreditado de Urbaser.

O acto de entrega terá lugar o 18 de novembro, ás 20.30 h, no teatro Elma. Ofrecerase unha charla formativa e tamén se subministrarán ferramentas auxiliares por parte da administración local como, por exemplo, un aireador e unha pequena guía básica de compostaxe. m. c.