Apoio ó sector do arrastre da Corporación de Lousame

Pleno
M.C.
Un momento da última sesión plenaria celebrada en Lousame. Foto: C. L.

Lousame. Na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de setembro, a Corporación de Lousame aprobou unha declaración institucional de apoio á pesca de arrastre de fondo fronte aos ataques que está a sufrir o sector dende a Comisión Europea.

Así, o Concello instou á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España “un rexeitamento aos ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir dende a Comisión Europea e que defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea”. Así mesmo, solicítanlle a anulación do regulamento que determina as zonas de pesca en augas fondas.

Por outra banda, tamén saíu adiante, cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG, unha moción do Partido Popular contra a ocupación de vivendas. A alcaldesa, Teresa Villaverde, instou ao Goberno de España a “endurecer as penas no caso das ocupacións, a proceder ao desaloxo da vivenda ocupada en 24 horas por parte da Policía” e, no caso concreto dos concellos, “a evitar a inscrición no padrón dun ocupante ilegal e, no caso de que se inscribira, a que se considere nula, non atribúa ningún dereito e que o Concello poida dar de baixa esas inscricións”. m. c.