Na provincia a Deputación destina case 770. 000 € para contratar ós profesionais // Tordoia, Brión, Cee, Laxe, Vedra, Malpica, Muros, Ordes, Ribeira, Rois, Teo, Ponteceso, Porto do Son, Cabana e Lousame teñen a contía máxima TEXTO C. Estévez

Área acada máis da metade dos cartos para técnicos de cultura

Cultura
Claudina Estévez
Xurxo Couto, responsable da área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña. Foto: Deputación da Coruña

Un total de 74 concellos da provincia da Coruña terán persoal técnico especializado en xestión cultural co apoio da convocatoria á que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina nesta nova edición un total de 769.959 euros. No caso concreto dos municipios da área compostelá o importe que recibirán é de 433.290, 68 euros, o 56 % do total. Os obxectivos desta iniciativa do ente provincial son dous: por unha banda, crear emprego no sector e, pola outra, a profesionalización das áreas culturais municipais.

A Deputación da Coruña contribuirá á contratación de persoal técnico especializado dun total de 74 concellos da provincia, nunha liña de creación de emprego especializado que se suma á destinada ás contratacións en museos e centros de interpretación municipais, que está dotada con 400.000 euros. Desta maneira, a área de Cultura “colabora cos municipios na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector afectado pola pandemia”, sinalan desde a entidade.

A convocatoria promove o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural. “Queremos contribuír á profesionalización das áreas de cultura dos concellos e tamén dos centros deles dependentes, como museos ou centros de interpretación, para promover tamén boas prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector e obrigou a mudar as dinámicas existentes na xestión municipal cultural”, sinala o responsable da área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, Xurxo Couto.

As bases da convocatoria foron elaboradas en colaboración con entidades e especialistas do sector para a definición dos perfís profesionais ademais da procura da estabilidade laboral das persoas contratadas. Desta maneira, desde o ente provincial quíxose facer un esforzo en contribuír “á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes, definindo requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo”, sinalan dende a entidade. Neste sentido, as modalidades establecidas na convocatoria son o mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión cultural ou animación sociocultural. Na concesión contémplase o financiamento de persoal a sesenta e seis concellos, ademais dos sete da Mancomunidade de Ordes e o Padroado de Cultura de Narón.

As maiores achegas para a contratación de técnicos culturais foron de 14.970 euros. No caso da área compostelá os municipios beneficiados con esta axuda foron Brión, Cabana de Bergantiños, Cee, Laxe, Lousame, Malpica, Muros, Ordes, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Teo, Tordoia e Vedra. Pola contra, os concellos que menos subvencións obtiveron foron Noia (2.686,92 euros) e Camariñas, que obtivo unha achega de 4.657,33 euros.

Case todas as demais vilas de Área percibiron unha axuda de 9.980 euros para contratar o seu persoal técnico cultural especializado.