Aumentan as consultas das canles dixitais en Lousame

Comunicación municipal
María Cano
A app Lousame Informa conta con máis de 600 descargas. Foto: Pexels

Lousame. As canles de comunicación dixitais do Concello lousamiá incrementou o número de usuarios nun corenta por cento ao longo do último exercicio. Así, a páxina web, a aplicación Lousame Informa, o Bando Ticket e as redes sociais foron as vías máis empregadas no 2020.

Segundo sinalaron fontes municipais, actualmente a aplicación Lousame Informa, que se puxo en marcha para manter unha comunicación directa coa veciñanza hai dous anos, conta con máis de 600 descargas e rexistros. Tamén o Bando Móbil supón outra vía de consulta, que ademais recibe numerosas visitas, posto que non require ningún tipo de descarga. Pola súa banda, a páxina web municipal acumulou 4.000 visualizacións no último ano.

Outra das novidades en materia de comunicación do Concello de Lousame é o bandoticket, un sistema para xestionar a ocupación e para conseguir entradas aos posibles eventos que se celebren no municipio. m. c.