MAR. Dende xaneiro a facturación nas rulas de Área caeu un 10 % respecto a 2020 // A escaseza de recursos e a mala campaña do polbo, entre as causas // Especies como a centola axudaron a compensar, en parte, a tempada TEXTO José Manuel Ramos

Baixan as capturas e as vendas en lonxa no primeiro semestre

Mar
Jose Manuel Ramos
Momento dunha subasta de peixe na lonxa do porto pesqueiro da vila mariñeira de Laxe. Foto: J. M. R.

O balance do primeiro semestre do ano non é positivo para o sector da pesca. A facturación nas lonxas do litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo, descenderon un 10 por cento respecto ao mesmo período de 2020, superando apenas os 29 millóns de euros, cifra que constrasta cos máis de 32,2 millóns que ingresaran o pasado exercicio, segundo datos de Pesca de Galicia.

Unhas vendas que teñen tamén o seu reflexo no volumen de capturas. Así, nos primeiros seis meses de 2020 as rulas desta franxa atlántica subastaran más de 16,4 millóns de quilos de peixe e marisco, contía que caeu este ano a 13,5 millóns.

Dende o sector coinciden en que este, de momento, non está sendo un bo ano, xa que á mala campaña do polbo, con capturas moi por debaixo do esperado, hai que sumar tamén a escaseza de capturas xeralizada da maioría das especies. No caso do prezado cefalópodo, neste primeiro semestre foron capturados menos de 285.000 quilos, namentras que no mesmo período do pasado ano superáranse os 331.000 quilos. Tan só o repunte da cotización compensou, en parte, a merma do recurso, xa que o prezo medio do polbo en lonxa situouse este ano en 8,2 euros por quilo, fronte aos 7,3 euros por quilo de 2020.

No plano positivo hai que destacar a centola, que experimentou na última campaña un importante repunte. Así, dende o levantamento da veda en 2020 ata o peche da pesquería o pasado 19 de xuño, nas lonxas de Área subastáronse máis de 198.000 quilos desta especie, o que supuxo uns ingresos de case 1,6 millóns de euros. Pola contra, na tempada 2019-20 tan só se capturaran 124.000 quilos e a facturación quedara por debaixo de 1,2 millóns.

No cómputo global hai que subliñar que a lonxa de Ribeira segue a ser a que acapara o maior volume de peixe e marisco e lidera tamén, con diferenza, os ingresos. No que vai de ano facturou máis de 15,8 millóns de euros, o que supón unha baixada respecto ao pasado ano de 1,8 millóns en relación ao primeiro semestre do exercicio pasado.

No resto de portos, as cifras son considerablemente inferiores, e tan só as rulas de Cabo de Cruz, Noia e Malpica superaron os 1,5 millóns de euros de facturación. Aguiño e Fisterra, con algo máis de 1,4 millóns, sitúanse por detrás, namentras que Muros rondou os 1,3 millóns.

ATA NOVEMBRO. O pasado día 19 de xuño comezou a veda da centola nas provincias da Coruña e Pontevedra, a cal se prolongará ata o 6 de novembro no treito litoral comprendido entre A Guarda e o cabo de Estaca de Bares. Neste tempo queda expresamente prohibida a captura desta especie para todas as embarcacións por medio de calquera arte, o que significa que a centola non volverá pasar polas lonxas ata despois do seis de novembro.

Pola súa banda, a veda do boi comezará o día 28 de agosto e prolongarase en todo o litoral de Galicia ata as 24.00 horas do 6 de novembro.

A veda é, segundo subliñan dende a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, “unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos”.

Trátase de dúas especies de gran valor para a frota artesanal que, a partir do vindeiro cinco de xullo, poderá volver a calar as nasas para a captura do polbo, un dos produtos estrelas do litoral galego. Neste caso, a veda este ano alongouse máis que en anos anteriores, xa que comezou o pasado día trinta de abril.

O sector agarda con expectación o comezo dunha nova campaña coa esperanza posta en que sexa mellor que a última, que foi unha das que rexistrou un menor volume de capturas nos últimos tempos. Este recurso é fundamental para a frota, xa que son moitos os barcos que se adican a esta pesquería no litoral de Área. Unha nova tempada de escasez obrigaría ás embarcacións a ter que cambiar de arte, o cal suporía unha presión engadida sobre outros recursos, moitos dos cales están sometidos a unha sobreexplotación.