Batukada no día grande do Entroido en Carnota

Entroido
M.C.
Este venres houbo un obradoiro de entroido para os cativos.

Carnota. Nada mellor que as festas do Entroido para simbolizar que a normalidade volve á vida pouco a pouco tras o impacto da pandemia. Para mostra, a inauguración dos festexos no Concello de Carnota este venres, cun obradoiro e xogos de tempo libre para os cativos da man de Infantilandia.

Este sábado será o día grande. Un grupo de persoas da asociación Vintepicopés de Carnota, ataviadas cos seus instrumentos de percusión, percorrerán nun tren os bares e as rúas do municipio. Comezarán sobre as 12.00 horas no Pindo e irán visitando todas as parroquias, ata acabar arredor das 18.00 horas en Carnota, onde se unirán á Festa de Entroido no pavillón municipal.

A festa inclúe concurso, con tres premios para os mellores disfraces individuais e un para grupos. O xurado terá en conta a orixinalidade, a simpatía e a posta en escena. Para participar no certame os interesados poderán inscribirse o mesmo día entre as 17.00 e as 18.00 horas. Ademais, haberá inchables, un posto de lambetadas a prol da ANPA do CEIP de Carnota e máis discoteca móbil.

Para o vindeiro luns, día 28, fixaron o contacontos A viaxe de Nano a cargo de Raquel Queizás; o martes 1 de marzo será o turno de Manuel Solla e O libro xigante e, o día 2, chegará Iuluis XIII con Concerto atípico para familias. Estas tres actividades, dirixidas ao público infantil e familiar, desenvolveranse no salón de actos do Concello. m. c.