Boiro ofrece recursos á poboación ucraína e ás familias acolledoras

Refuxiados
M.C.
Romero e Treus, de fronte, durante a xuntanza. Foto: Concello

Boiro. O departamento de Servizos Sociais de Boiro convocou unha xuntanza coa poboación ucraína que se atopa no municipio para informala dos trámites a realizar e os recursos postos á súa disposición. O alcalde, José Ramón Romero, e o edil de Servizos Sociais, Raúl Treus, asistiron á reunión xunto coas traballadoras sociais e a educadora familiar.

No encontro abordáronse os trámites administrativos que as persoas refuxiadas teñen que levar a cabo para a súa estancia en España, os trámites para calquera tipo de asistencia sanitaria que precisen, así como a escolarización dos rapaces.

O concelleiro de Servizos Sociais, Raul Treus, defendeu o labor dos servizos sociais “a primeira administración, a máis avanzada, continúan sendo as entidades locais, e necesitamos fondos adicionais para unha inclusión completa e integral destas persoas que chegan na maioría dos casos sen coñecer o idioma e sen recursos”.

O Concello de Boiro puxo a disposición das familias acolledoras así como da poboación ucraína todos os medios necesarios para facilitar a tramitación da documentación así como a integración das persoas refuxiadas.

Pola súa banda, o alcalde José Ramón Romero quixo agradecer ás familias de acollida “polo enorme esforzo que supón” e tamén a disposición “total e absoluta do pobo de Boiro, que ofreceu vivendas baleiras, alimentos e outros elementos de primeira necesidade”, dixo. m. c.