Brigadas ‘de cine’ en Froxán da man de dous profesionais mexicanos

Medio Ambiente
María Cano
Rulfo e Leduc desprazáronse a Froxán para filmar. Foto: A. V.

LOUSAME. A sona das Brigadas deseucaliptizadoras que a asociación Verdegaia botou a andar en 2018 en Froxán xa chegou a México. Segundo indicaron dende o citado colectivo, “dous coñecidos cineastas dese país, Juan Carlos Rulfo e Valentina Leduc, quixeron achegarse a esta pequena aldea de Lousame para filmar o seu último documentario, que explora as loitas comúns en defensa da terra dun e doutro lado do Atlántico”. Precisamente nesta fin de semana, e a pesar do mal tempo, interviron de novo as voluntarias desta iniciativa ambiental en Froxán, actuando na contorna da Casa da Susana, onde desde 2017 se veñen substituíndo acacias e eucaliptos por frondosas nativas. O traballo de conservación desa comunidade fixo que xa en 2017 fose recoñecida pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA) e que gañase varios premios internacionais.

O novo proxecto de documental de Juan Carlos Rulfo e Valentina Leduc, Los sueños que compartimos, “usa como fío conductor a viaxe que emprenderon este verán as zapatistas pola Europa para dialogar, compartir saberes e coñecer experiencias, mostrando así as historias en común das comunidades mexicanas e europeas”, apuntan. m. c.