Calvo presentou na vila noiesa o proxecto para liderar o PP provincial

Política
Marta Torres
O dirixente popular no acto que tivo lugar en Noia. Foto: PP

Noia. O candidato a presidir a dirección do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, vén de presentar en Noia as bases do que será o seu proxecto político para liderar a formación popular durante os próximos anos.

A pouco menos de vinte días para a celebración do congreso provincial que terá lugar na Coruña o próximo 25 de setembro, Calvo continúa adiante cunha serie de actos por diferentes municipios cos que o dirixente popular pretende reforzar o contacto directo e estreito coas bases do seu partido para agradecer o apoio recibido e establecer as liñas mestras coas que os populares deberán facer fronte aos importantes retos dos próximos meses.

Calvo volveu a recalcar a importancia de que a formación poda afrontar a cita electoral local mellor preparada que nunca para recuperar os gobernos das tres grandes cidades da provincia e, ademais, incrementar o seu peso provincial para acceder á presidencia da Deputación. m. t.