Catro ofertas para o servizo de mantemento do municipio ribeirense

Destinan 400.000 €
durante dous anos á reparación e mellora de vías e espazos públicos
Servizos municipais
ECG
Zona portuaria de Ribeira. Foto: W.

Ribeira. Un total de catro ofertas foron presentadas na licitación por parte do Concello de Ribeira dunha nova iniciativa dirixida a destinar 400.000 euros durante dous anos aos servizos de reparación, mantemento, acondicionamento e melloras de vías e espazos de uso público situados no termo municipal de Ribeira. O pasado xoves a mesa de contratación tiña previsto abrir os sobres A, correspondentes a documentación xeral.

“A finalidade perseguida é manter en óptimo estado os espazos públicos municipais, proporcionando unha maior seguridade no uso, así como prolongar a vida útil das zonas sobre as que se actúa”, sinalaron fontes municipais.

De acordo coas cláusulas que rexen no proceso de contratación, dentro dos traballos incluídos figuran os seguintes: servizos de mantemento e reparacións, obras de renovación ou mellora, actuacións en circunstancias excepcionais e de emerxencia no caso de que se produza unha situación excepcional.

A natureza das obras para realizar será “en xeral de pequena envergadura, e será múltiple en canto ao número e á localización, non existindo unha oferta fixa de traballo, dado que se irán demandando en función das necesidades do Concello de Ribeira”, indicaron.

O adxudicatario estará obrigado a actuar en pavimentos, bordos e rigolas, mobiliario urbano, muros de contención ou peche, pozos e arquetas dos servizos municipais, escalinatas, ramplas e plataformas, entre outros. cg