Cincuenta ribeirenses ‘lánzanse’ ó Camiño dende o faro de Corrubedo

Completaron un traxecto de 16,7 kilómetros que os conduciu polo dolmen de Axeitos e a capela da Guía // A nova comisaría expide credenciais do peregrino
Peregrinación
Marta Torres
Completarán o trazado nas próximas fins de semana. Foto: C.

Medio cento de veciños do municipio de Ribeira animáronse o pasado domingo a emprender a primeira etapa do Camiño de Santiago dende Barbanza. O presidente da Asociación de Amigos do Camiño A Orixe, Manuel Mariño Nin, abriu o evento ás nove da mañá aos pés do faro de Corrubedo cunha disertación sobre as singularidades deste itinerario terrestre de acompañamento da traslatio do apóstolo, cuxos restos entraron por mar a través da bocana da rúa de Arousa, segundo conta a tradición xacobea.

A continuación os camiñantes iniciaron un traxecto de 16,7 kilómetros que os conduciron ata a Capela da Guía, en Carreira, tras atravesar diversos puntos de interese como o Outeiro de Santiaguiño, a Igrexa de Santa María de Olveira, o Dolmen de Axeitos ou o conxunto etnográfico dos muíños de Amendo.

Entre os participantes atopábanse os concelleiros Juana Brión, María Sampedro, Víctor Reiriz, Ana Barreiro e Ramón Doval.

A intención é que en próximas fins de semana a medida que as axendas e o tempo o permitan realizar o resto de etapas aproveitando as fins de semana ata chegar á catedral compostelá.

Por outra banda, dende o Concello de Ribeira informaron de que a nova comisaría de Policía de Ribeira sita na avenida das Airós, 21, expide as credenciais do peregrino imprescindibles para certificar o paso ordenado polos distintos núcleos e fitos da ruta xacobea. Pódense solicitar na oficina de denuncias.