Conferencias sobre nutrición e planificación en montañismo en Lousame

Son gratuítas e terán lugar o sábado pola tarde na casa de cultura da localidade
Xornadas
Marta Torres
Concello de Lousame.

Lousame. A casa da cultura de Lousame acollerá este sábado 16 de outubro, ás 19.00 horas, unhas xornadas formativas sobre nutrición e planificación de actividades no medio natural organizadas polo Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de lousamiá e a Federación Galega de Montañismo. Unha iniciativa gratuíta pero con aforo limitado, polo que é preciso anotarse previamente en bandoticket.com.

As xornadas constarán de dúas conferencias. A primeira delas, Planificación en montañismo e no medio natural: obxectivos e riscos, será impartida por Joaquín F. Gómez, profesor da Escola Galega de Alta Montaña a partir das 19.00 horas. Ás 20.15 horas, Adrián Maroñas, educador físico, readaptador de lesións e dietista-PNI, falará sobre Educación nutricional para deportistas: buscando o máximo rendemento.

Con esta iniciativa, o Club Lousame Deporte retoma o plan de formación, interrompido por mor da pandemia da covid. “Nesta xornada trataremos temas moi importantes, como son a nutrición e a planificación en actividades no medio natural. Consideramos que a seguridade e a saúde son aspectos moi importantes nas persoas e, cando máis preparadas estean nestes ámbitos, mellor”, explicaron dende o citado club.

Por outra banda, nesta mesma ubicación, a compañía Teatro Ghazafellos representará o seu espectáculo familiar Monstros no camiño. Será o 17 de outubro ás 18.00 horas. Reserva de entradas en bandoticket.com. m. t.