Conservas Cerqueira proxecta a súa instalación no polígono de Rianxo

A empresa emprega 28 millóns de euros no seu asentamento nunha parcela de 36.000 m2
Polígono industrial
ECG
Presentación do proxecto no consistorio rianxeiro. Foto: C. R.

Rianxo. A empresa Conservas Cerqueira investirá 28 millóns de euros na súa instalación no polígono industrial de Te, en Rianxo, onde ten comprado unha superficie de máis de 36.000 metros cadrados. Así o deron a coñecer o seu presidente Juan Manuel Cerqueira; o xerente, Andrés Mencía; o adxunto á xerencia, Manuel Aldao, e o apoderado, Antonio Otero, no acto de presentación do seu proxecto no salón de plenos do consistorio rianxeiro, xunto ao alcalde, Adolfo Muíños, e os concelleiros Mari Carmen Figueira e Tobías Betanzos.

Desde o punto de vista municipal subliñouse a importancia da implantación desta empresa no parque empresarial “pola xeración de postos de traballo e tamén por ser unha empresa do sector conserveiro que se vincula así máis co noso concello creando sinerxias tamén con outros produtores”. O mandatario local sinalou que entrará dentro dos beneficios fiscais previstos ao abeiro da declaración de Rianxo como Concello emprendedor.

Pola súa banda, dende Conservas Cerqueira indicaron que van manter o medio centenar de postos de traballo estacionais que teñen na súa nave de Ribeira, onde deixará de ter actividade unha vez se trasladen á súa nova localización. A firma tamén apuntou que as obras nas parcelas do parque empresarial rianxeiro xa están en marcha e prevén que dentro dun ano, arredor de xuño, poidan comezar a súa actividade cun aumento de persoal de entre 20 e 25 persoas.

Cando estean a pleno rendemento, dentro de cinco anos, darán emprego a 140 ou 150 persoas anunciando novas liñas de produción e o aproveitamento de augas e caldos, que lles permitirán traballar todo o ano. Asemade, dende a administración local sinalan que “no proxecto construtivo e a liña de produción prevén aproveitar e reciclar boa parte das augas de cocción e aplicar medidas que se acheguen no posíbel a unha economía circular”. cg